As Neves. 4 de marzo. A olímpica Teresa Portela será a pregoeira da XXXIII Feira do Requeixo e Mel das Neves, que se celebrará os días 3 e 4 de abril no municipio pontevedrés, cun programa que comezará o 21 de marzo e que combina actividades gastronómicas, culturais e deportivas arredor dos dous produtos máis representativos da identidade local. A deportista galega participará no acto central da feira o venres 3 de abril ás 13.00 horas, coincidindo coa xornada principal dun evento que reunirá gastronomía, música, tradición e propostas para todos os públicos durante dúas semanas de programación.
A padexeira canguesa está considerada unha das grandes figuras do deporte galego e español. Converteuse na primeira deportista española en competir en sete Xogos Olímpicos consecutivos e logrou a medalla de prata en K1 200 metros nos Xogos de Tokio 2020. Ao longo da súa traxectoria acumulou seis diplomas olímpicos, 17 medallas nos Campionatos do Mundo de Piragüismo, dúas delas de ouro, e outras 17 no Campionato de Europa, sete de ouro.
Recibiu en dúas ocasións a Real Orden do Mérito Deportivo, coa medalla de bronce en 2004 e a de prata en 2013. En 2019 obtivo a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. A súa carreira deportiva está marcada pola constancia e pola conciliación da vida familiar e profesional.
O alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, destacou que “Teresa Portela representa o esforzo, a constancia e a superación. É unha muller, deportista, nai e galega que leva o nome de Galicia por todo o mundo e que constitúe un exemplo inspirador para a nosa veciñanza, especialmente para a xente nova”. O rexedor engadiu que “contar con ela como pregoeira é unha honra e unha maneira de recoñecer os valores que queremos promover desde As Neves”.
A programación arrancará o 21 de marzo co I Memorial Manuel Guitián de bádminton no pavillón municipal. O 22 celebrarase a andaina ‘Mitos e crenzas do Termes’. O 27 haberá un showcooking con degustación no mercado municipal. O 28 desenvolveranse a Andaina do Requeixo e unha xornada sobre os retos da artesanía alimentaria galega con cata de produtos. Nos días seguintes celebraranse a ofrenda floral das Mulleres do Requeixo, a III Xornada sobre a vespa velutina, unha cata de meles de Galicia e a degustación ‘Sabores con marxem’.
A fin de semana central incluirá a apertura oficial da feira, o pregón, pasarrúas, actuacións musicais, animación infantil e concertos. O día 3 actuarán Laura Mariño & Band, a charanga Os Tamega e a orquestra Panama Band. O día 4 celebrarase a III Exposición da Camelia, o III Certame de Música Tradicional Transfronteiriza e as actuacións do grupo 2Tipos, da chranga A Sorcha e da orquestra Charleston Big Band.
A Feira do Requeixo e Mel consolidouse como unha das celebracións máis representativas da comarca. O evento promove produtos de calidade, apoia o tecido produtor local, dinamiza a economía e reforza a identidade cultural do territorio. O Concello das Neves organiza esta nova edición coa intención de impulsar a participación da veciñanza e atraer visitantes, reforzando o impacto económico e social da cita.
Un evento gastronómico con identidade propia
A Feira do Requeixo e Mel alcanza a súa trixésimo terceira edición cun programa que combina tradición e promoción agroalimentaria. En Galicia, as festas gastronómicas constitúen un elemento clave para a valorización dos produtos locais e para a dinamización do medio rural. Esta cita sitúase entre as celebracións que reivindican a produción artesanal de alimentos e a súa proxección máis alá do ámbito comarcal, conectando cultura, deporte e economía local.






