O Concello da Caniza trasladou este xoves o seu apoio a Mateus de Almeida Pedro tras os insultos racistas sufridos en Gáldar. O xogador acudiu á Casa Consistorial acompañado polo seu adestrador, Domingo Borja “Mino”. Na recepción participaron o alcalde, Luis Piña, e a primeira tenente de alcalde, Mª José Rodríguez.
O respaldo municipal estendeuse aos seus compañeiros e ao conxunto do club tras o sucedido o sábado 26 de setembro no Pavillón Juan Vega Mateos de Gáldar, en Gran Canaria.
O MMT Fest Gáldar Gran Canaria e o Saeplast Cañiza disputaban un encontro de Primeira Nacional cando, segundo a acta arbitral, se dirixiron insultos racistas desde a bancada contra Mateus. Esa foi a causa da interrupción no segundo tempo e da posterior continuación a porta pechada.
O Concello expresou a súa confianza en que os organismos competentes esclarezan os feitos e adopten as medidas correspondentes.
O alcalde, Luis Piña, trasladoulle ao xogador: «Mateus, queremos que saibas que non estás só». Tamén manifestou o seu rexeitamento aos comportamentos racistas ou discriminatorios dentro e fóra do deporte.