Rodas contaminantes no Camiño Portugués preocupan á veciñanza

O Porriño. 23 de xaneiro. Un vertedoiro de rodas de máis de 100 metros de lonxitude ameaza unha das zonas de maior valor ambiental do territorio galego, As Gándaras de Budiño. Situado a escasos metros do Camiño Portugués, este depósito ilegal ocupa un hábitat de interese prioritario e protexido pola súa condición de bosque asolagado, un dos poucos que aínda se conservan. A zona, recoñecida pola súa importancia ecolóxica, está a ser utilizada de forma irregular, empregando os pneumáticos como valado para delimitar unha finca, o que incumpre a lexislación vixente.

Os pneumáticos representan un perigo para o medio. Estes residuos conteñen metais pesados como cadmio, chumbo ou cinc, ademais de aceites minerais e hidrocarburos que poden contaminar o solo e os acuíferos, afectando directamente a auga potábel e á biodiversidade local. A extensión e a persistencia deste vertedoiro revelan unha grave inacción ambiental.

O concelleiro nacionalista Marcelo Rodríguez denunciou a situación: “Encontrámonos ante unha nova promesa incumprida de Alejandro Lorenzo. A súa política baséase no anuncio mediático, pero, á hora de actuar, dependerá de quen ten en fronte e de cal sexa o obxectivo. É evidente que a protección do medio non é unha prioridade deste goberno”. Rodríguez tamén lembrou que, hai dous anos, o PP aseguraba que eliminaría os vertidos ilegais no concello, compromiso que non se está a cumprir.

A resposta do goberno local encabezado por Alejandro Lorenzo, segundo denunciou o BNG, é unha deixadez preocupante. O vertedoiro non deixou de medrar nas últimas semanas, aumentando o impacto ambiental nunha zona xa catalogada como de especial protección.

As Gándaras de Budiño contan con máximo recoñecemento ambiental, mais os reiterados incumprimentos e a falta de vixilancia están a poñer en risco o seu equilibrio ecolóxico. Tanto a veciñanza como os grupos ecoloxistas insisten na necesidade de actuar con urxencia para evitar maiores danos.

Ao peche desta noticia, nin o concello nin outras institucións públicas deron resposta oficial ás reclamacións do BNG nin ás denuncias veciñais.

Máis vertedoiros en España e o mundo

En España, cada ano xéranse máis de 300.000 toneladas de pneumáticos usados, dos cales unha parte significativa remata en vertedoiros ilegais. A nivel internacional, países como India e China lideran a reciclaxe de neumáticos, mentres que Europa aposta pola súa reutilización en infraestruturas, coma pavimentos de estradas ou proxectos de enerxía limpa. Con todo, a falta de regulación en certas rexións agrava a contaminación asociada a estes residuos.

Compartilo:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *